Escolas Tradicionais

Profesorado de alto nivel e grupos reducidos para clases de baile, canto e pandeireta, gaita e percusión.

As Escolas Tradicionais de Retrouso levan funcionando ininterrompidamente desde hai máis de 20 anos, desde 1996.

As clases son no Complexo Sociocultural de Cela (Bueu), nas xeitosas instalacións repartidas entre o salón de actos do centro sociocultural, a Escola Vella do Torrecino e o pequeno local anexo, a Casa do Mestre do Torrecino. Todas no Igrexario, na contorna da igrexa de Cela, con bo acceso tanto desde Bueu e Cangas, como desde Marín e Moaña.

En canto aos prezos, por norma xeral, as clases de canto e pandeireta, baile, gaita e percusión valen 12€/mes para os nenos e 15€/mes para os adultos. Máis abaixo detállanse posibles descontos por varias actividades ou por varios membros da familia.

Horarios das Escolas tradicionais Retrouso 2018/2019

[Actualizado a 30 de setembro de 2018]
Escola Profesor/a Horario
Música e Movemento Noelia Villaverde Mércores, 16:00h
Baile infantil Miguel Sotelo Luns, 17:00h
Baile adultos Miguel Sotelo Venres, 20:00h
Gaita infantil Pablo Fdez Rial Xoves, 16:00h
Gaita adultos Pablo Fdez Rial Sábado, 11:00h
Percusión iniciación Xulia Feixoo Sábado, 11:00h
Percusión perfeccionamento Xulia Feixoo Martes, 21:00h
Canto e pandeireta infantil Miguel Sotelo Luns, 16:00h
Canto e pandeireta iniciación adultos Alba Juncal Martes, 21:00h
Canto e pandeireta perfeccionamento xuvenil Andrea Cabanelas Xoves, 19:00h
Canto e pandeireta perfeccionamento adultas Andrea Cabanelas Xoves, 21:00h
Canto e pandeireta grupo Andrea Cabanelas Xoves, 20:00h

Profesorado das Escolas tradicionais Retrouso

Clases de Baile tradicional no Morrazo

Desde o 2010, Miguel Sotelo leva as rendas das aulas de perfeccionamento de baile tradicional. Sotelo é de Cangas, de Darbo, con experiencia na dirección de varios grupos como Trébede ou a participación en proxectos como GS21 ou Quique Peón Cía. Na actualidade da clase en dous horarios: ao grupo, perfeccionamento, os venres de 20:00h a 21:30h e outra aula de iniciación para nenos, os luns de 17h a 18h.

Aulas de gaita galega no Morrazo

O profesor de gaita é Pablo Fernández Rial, fundador e gaiteiro de Ludovaina, entre outros proxectos. De Aldán, curtido nos Carnavais do Hío, é festeiro, próximo, ademais de ter unha técnica e un gusto musical fóra do común.

As clases de de gaita para adultos son os sábados desde as 11.00h ata as 13.00h, no salón de actos do Centro Sociocultural de Cela (Bueu).

Se o que buscas é iniciar un neno no mundo da gaita, as aulas infantís son os xoves ás 16h.

Clases de percusión tradicional no Morrazo

A responsable das clases de percusión é Xulia Feixoo, titulada en Percusión, primeira titulada en Galicia en Etnomusicoloxía, directora do corpo de percusión da Banda de Gaitas Xarabal de Vigo, entre outras experiencias. Nestes momentos brilla nos concursos como percusionista da Orquestra Folk Sondeseu, ademais de estar na banda do arpista Rodrigo Romaní.

As clases de tamboril, bombo, pandeireta para gaita ou calquera outra percusión que se che ocorra son, para os que empezan, os sábados de 11h en diante, cunha primeira parte técnica e unha segunda máis práctica tocando co grupo de gaitas. Este curso creamos outro grupo pensado máis para percusión “avanzada”, os martes ás 21h.

Aulas de canto tradicional e pandeireta no Morrazo

Andrea Cabanelas é a directora das aulas de canto tradicional e pandeireta en Retrouso. A pesar da súa xuventude, acumula 20 anos de experiencia no mundo co canto, tendo pasado polas mans de mestres de refeencia como Xisco Feijóo (O Fiadeiro), Tamara Costas (Tarambainas, O Fiadeiro) ou María Vidal (Trébede). Titulada en Maxisterio, conta con boa experiencia dando clase tanto en Marín como en Moaña. Este ano Andrea centrarase nas aulas de perfeccionamento.

As clases de perfeccionamento son os xoves, primeiro as adolescentes, ás 19h, despois o grupo oficial de pandeireteiras Retrouso, ás 20h, e ás 21h outro grupo de perfeccionamento adultas.

Das aulas de iniciación adultos encargarse Alba Juncal. Ha ser a sua primeira experiencia docente, aínda que leva, a pesar da súa curta idade, case 15 anos vencellada ao mundo do canto e pandeireta, o baile e a gaita, polo que coñecementos ten abondo. As aulas de iniciaciñon adultos comezarán os martes ás 21h.

Das clases de iniciación infantil encárgase Miguel Sotelo, contrastado mestre de cultura tradicional, os luns, de 16h a 17h.

Música e movemento: iniciación á cultura tradicional para os máis pequenos

Este curso 2018/2019, tras unha proba neste sentido na segunda metade do curso pasado, consolidamos unha aula centrada nas idades de 3 a 5 anos, de Música e Movemento. A mestra será Noelia Villaverde, diplomada en Maxisterio Infantil, pandeireteira contrastada e con experiencia tanto en trato con nenos como na docencia de música tradicional. O plan será introducir os máis pequenos nos ritmos básicos e os instrumentos tradicionais mediante o xogo e o baile.

As aulas serán na escola de Cela os mércores das 16h ás 17h.

Preguntas máis frecuentes

Qué prezo teñen as clases?

Por norma xeral, as clases de canto e pandeireta, baile, gaita e percusión valen 12€/mes para os nenos e 15€/mes para os adultos.

Despois, a Asociación Cultural Retrouso aplica algúns descontos e vantaxes por número de actividades: págase o 50% a partir da terceira actividade; e por familia: págase o 50% a partir da cuarta actividade dentro do mesmo núcleo familiar.

A partir de qué idade poden asistir os nenos?

Se o neno ou a nena teñen entre 3 e 5 anos, a actividade especificamente pensada para eles é a de Música e Movemento.

A partir dos 6 anos (1º de primaria), as actividades ideais para a introdución musical dos nenos son o baile e canto e pandeireta.

No caso de percusión e gaita, a idade mínima ideal para comezar son os 7 anos (2º curso de Educación Primaria). Antes, non teñen nin “o tamaño” nin coordinación suficiente para afrontar a aprendizaxe do instrumento, por iso en nenos máis pequenos interesados en tocar o tamboril e a gaita, o ideal é que antes se metan en baile ou canto e pandeireta, de xeito que vaian adquirindo nocións de coordinación e ritmo. Pode haber nenos de 7 anos aos que lles resulte demasiado cedo e o mellor sexa que agarden aos 8 anos; pero para iso recomendamos que proben uns ensaios e o profesor xa comentará se o ve preparado ou non para continuar.

En caso de ter nenos menores de 3 anos, pero ter ganas de que se introduzan no ámbito da música tradicional, a nosa recomendación é que sexan os pais (nai, pai ou ambos) quen se metan nalgunha actividade, de xeito que o neno o viva na casa e vaia trasteando e escoitando cancións e ritmos a través dos pais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Datos de contacto de Retrouso

Podes contactar á agrupación folclórica galega Retrouso a través do email info@retrouso.com ou no teléfono (+34) 647 607 467
Copyright © 2018 Retrouso de Cela