Share on FacebookTweet about this on TwitterPin on PinterestShare on Google+Share on LinkedIn

A zanfona en Galicia pasou en quince anos da práctica desaparición a contar cun saudable número de intérpretes e artesáns, ata o punto de que as preocupacións dos expertos céntranse hoxe no impacto que pode ter a entrada dun segundo modelo de zanfona, o francés, diferente do tradicionalmente usado en Galicia

Traballo realizado por Rubén Bastón, Bibiana Cabo, Paula Rico e Mari Vega, en abril do 2005

A recuperación da zanfona en Galicia

No 1990 non había absolutamente ninguén que fixese zanfonas en Galicia”. Asegúrao Xaime Rivas, artesán vigués, ao lembrar os seus comezos. “Cando eu empecei –continúa Rivas-, Antón Corral, o meu profesor, levaba moitos anos sen ensinar construción de zanfona en Galicia; estaba practicamente resignado á súa desaparición, porque el facíase maior e non había ninguén que estivese aprendendo”. Ademais, daquela case ninguén sabía tocala. “Era un círculo vicioso: ao non haber artesáns, non había tocadores; ao non haber tocadores, non aparecían artesáns”.

Quedaban moi poucos músicos que soubesen tocar a zanfona en Galicia. Estaban Antón Seoane, de Milladoiro, “Mini” Rivas, de Fuxan os Ventos, e Amancio Prada. Atrás ficaban os achegamentos do cantautor Miro Casabella e o inxente traballo de investigación deFaustino Santalices. Entre os novos, non había máis de catro mozos que se defendesen. O máis destacado era Anxo Pintos.

Pintos, actual profesor de zanfona na Universidade Popular de Vigo e membro de Berrogüetto, cre que hoxendía a zanfona galega está “nun paseniño proceso de normalización en Galicia”. Agora ten, cada curso, medio cento de alumnos de interpretación. Hai unha década non pasaban de cinco. Ademais, aos alumnos de Vigo súmanse os do Conservatorio Folque de Lalín –arredor de 35 anuais- e os dalgunha asociación que ofrece clases deste instrumento.

“Ao principio foi moi difícil –lembra Rivas-. Ante calquera contratempo, Corral desesperábase: eran pequenos detalles, como a falta de corcho para as teclas, pero non sabiamos cómo superalos”. A primeira zanfona galega de Rivas foi un encargo que o seu profesor arrastraba desde había moitos anos “dun señor Lugo”. O propio Anxo Pintos foi o destinatario da segunda.

“A verdade e que dábame moito medo -confesa Rivas-. Anxo era considerado o zanfonista, tocaba cunha zanfona galega de Corral, facíao moi ben e afinaba”. Iso, daquela, non o conseguía calquera.

En 15 anos a situación deu unha volta de 180 graos. Agora son moitas as zanfonas galegas que afinan. Pintos cre que a sistematizacón do ensino axudou a acurtar o tempo de aprendizaxe e tamén a optimizalo. “Hoxe calquera alumno toca melodías que hai unha década parecían reservadas só a uns poucos”, asegura.

Óscar Fernández, zanfonista dos Cempés e profesor no Conservatorio Folque de Lalín, explica o forte rexurdimento da zanfona en Galicia polo seu “estraño atractivo”. “Está o mito do instrumento medieval, misterioso, do que non se sabe nin como é posible que toque –asegura-. A xente ve unha manivela e uns dedos pero non entende o mecanismo. A zanfona gusta, mesmo antes de tocala”.

A súa forma de achegarse á zanfona galega foi tamén por esa causa: “Escoitaba Milladoiro e Fuxan os ventos e preguntábame qué era iso –lembra Fernández Sanjurjo-. Despois investiguei e descubrín que o instrumento tiña máis recursos musicais que os que eles usaban”.

Anxo Pintos, na mesma liña, cre que o público fica sorprendido “do timbre e das posibilidades” do instrumento. Para Pintos, nos últimos anos a zanfona deixou de servir exclusivamente como acompañamento da voz para converterse nunha vía “case infinita” de expresión musical. O repertorio da zanfona en Galicia abrangue nestes momentos desde a música medieval ata o rock, pasando pola música barroca, a tradicional, a contemporánea, o jazz ou o pop. “Non todo é tocable, pero case todo”, sentencia Pintos. Para o músico deBerrogüetto, na actualidade “as barreiras e prexuízos á hora de saltar os lindeiros que separan os xéneros son moi pequenos ou inexistentes, debido a que, cada vez máis, os musicos teñen unha concepción máis sensata do feito musical”.

Tanto polo número de intérpretes como pola diversificación do repertorio, músicos e artesáns galegos consideran que a zanfona está plenamente recuperada. Pero algúns advirten que aínda non está totalmente reinstaurada na sociedade.

A chegada da zanfona contemporánea a Galicia

A zanfona é un instrumento europeo que tivo dous desenvolvementos ben distintos: o francés e o ibérico. Galicia, desde o traballo de recuperación de Faustino Santalices, liderou e aínda lidera a súa recuperación na Península. Na actualidade, segundo Óscar Fernández, “en todo o resto de España non dan chegado á cifra de zanfonistas que hai en Galicia”. Todos coinciden nesta observación, pero na Península houbo movementos que afectaron ao discorrer da zanfona en Galicia.

No 1994 naceu a Asociación Ibérica da Zanfona. Este colectivo empezou a organizar cursos de construción e interpretación, e acudiu a Francia na busca de profesores. Deste xeito apareceu en España a corrente da zanfona contemporánea, instrumento moderno desenvolvido a partir do modelo tradicional francés.


Esta corrente tamén chegou a Galicia. “Houbo xente que descubriu fóra zanfonas menos caras e con mellores resultados que a galega –relata Óscar Fernández-. Cando empecei a dar clase no Conservatorio Folque de Lalín deilles a oportunidade aos alumnos de aprender tamén as técnicas modernas”. O seu grupo,Os Cempés, foi a primeira banda galega que gravou un disco con zanfona contemporánea.

Os que promoven a entrada do novo modelo en Galicia argumentan que o importante non é a tradición senón a calidade. Pablo Cid, de Antas da Ulla, é un mozo artesán de zanfonas contemporáneas. Asegura que moitos músicos que tocan a zanfona tradicional están a achegarse á contemporánea atraídos pola contribución rítmica do can, unha peza existente no modelo francés pero non no galego. Para Cid é unha cuestión dos intérpretes: “Á hora de construír, prefiro poñerlle o can; despois queda ao criterio do músico o usalo ou non; non é obrigatorio”.

A entrada deste modelo distinto preocupa aos que traballan desde hai anos pola recuperación da zanfona galega. A Xaime Rivas, por exemplo, lémbralle á polémica coas gaitas marciais da Real Banda de Gaitas de Ourense: “Eu non vexo mal a entrada dun modelo foráneo –afirma-. O que non vexo ben é que a xente venda por galego algo que non o é”. Ademais, Rivas considérao un sinal de falta de autoestima: “Temos unha cultura o bastante rica como para non ter que andar a copiar de ninguén. Outra cousa é que o propio evolúa: se evolúe vale; pero copiar, non”.

A Anxo Pintos, profesor de interpretación de zanfona galega, preocúpalle, sobre todo, o momento: “Chega nunha época na que aínda non está conformada en Galicia unha cultura zanfonística normalizada que saiba ubicar con perspectiva e ética os cambios que se están a producir”. Así e todo, Pintos non cre que deba haber polémica. Afirma que el ten encargada unha zanfona contemporánea e que cada un debe obrar segundo pense. “Pero –remata- non estou a favor da asimilación”.

Polo de agora, non chegaron a producirse debates abertos arredor da entrada do modelo contemporáneo en Galicia. “Aínda non se fan batallas de zanfonas”, bromea Óscar Fernández. Todos agardan que non se produzan. Os intérpretes do modelo tradicional só piden que non haxa confusións: “Temos que ser conscientes de que o público óenos –explica Xaime Rivas-. Se non explicamos ben as cousas, poden levarse unha idea errónea; hai que separar ben os conceptos históricos das dúas zanfonas”.

O futuro
A pregunta chave é qué pasará nos vindeiros anos. “Non creo que ningún instrumento acabe co outro –prognostica Óscar Fernández-. E en todo caso serán os instrumentistas quen escollan, non habería que botarlle a culpa ao instrumento”. Así e todo, Fernández cre que a zanfona tradicional “úsase moitísimo” en Galicia e que chegou a un nivel de técnica e execucion, “de altísimo nivel, grazas a Anxo Pintos”, polo que non observa grandes riscos para a súa supervivencia.

Pintos albisca tamén unha coexistencia entre os modelos tradicional e moderno. Para o músico de Berrogüetto, o perfeccionamento construtivo e musical da zanfona galega “aínda non tocou teito” e considera que unha asimilación completa do modelo contemporáneo francés significaría unha “perda de patrimonio cultural”.

En todo caso, todos coinciden en augurarlle un futuro san e anovador á zanfona. De feito, analizan que a boa acollida do modelo contemporáneo en Galicia non se tería producido se non fose tan forte o interese actual polo instrumento na Comunidade. “Hoxe tócase moitísimo a zanfona”, certifica Xaime Rivas, “sexa cal sexa o modelo”. Isto, tendo en conta a extrema situación do instrumento hai só quince anos éncheo de orgullo, porque “foron moitos anos de traballo”.

Dentro da zanfona resoan dez séculos de historia da música occidental. Semella que non será neste século cando o herdeiro do organistrum deixará de tocarse en Galicia. Máis ben ao contrario, a zanfona está a alcanzar en Galicia cotas de coñecemento e calidade nunca acadadas na historia do instrumento.

Entrevista ao zanfonista Germán Díaz

Este valisoletano de 26 anos comezou a súa formación nos seminarios da Asociación Ibérica da Zanfona (AIZ). Membro da Viellistic Orchestra francesa ata a súa desaparición, actuou por todo o mundo en proxectos compartidos con estrelas internacionais do instrumento. Editou no 2004 o seu primeiro traballo como solista, El suéter de Claudia.

Germán Díaz leva unha boa tempada asentado en Galicia. Esta Semana Santa atopámolo en Lugo, dando clases de zanfona contemporánea no XXIII Curso de Cultura Tradicional. Desde a súa posición de artista e profesor, defende un instrumento “coas máximas capacidades”, sexa ou non tradicional.

¿De onde lle vén o seu amor pola zanfona?
Foi grazas á Asociación Ibérica da Zanfona. No primeiro curso ao que asistín, a AIZ deixoume unha zanfona e ao rematar, merquei unha de segunda man. Ese curso, nun mosteiro do Císter, en Valladolid, foi marabilloso. Escoitando entre as pedras o son da zanfona quedei prendado dela.

¿É un instrumento máis persoal que outros?
Sí, hai moitos elementos que cambian a súa sonoridade. Calquera zanfona é practicamente única, moi poucas se fan en serie. Cada persoa ten que atopar o seu son persoal. Para iso hai que probar con moitas cordas, depende da altura da corda sobre a roda, do algodón que poñas na corda, do axuste das espadillas…

¿Mellorou nos últimos anos a calidade dos músicos e do instrumento?
Si, totalmente. A xente xa respecta a zanfona como un instrumento, o que significa que hai que estudalo, que ten unha técnica. Estanse facendo uns instrumentos magníficos en Galicia, porque hai unha boa escola. Nesta Comunidade hai varias escolas de artesanía, pero fan un instrumento moi concreto, moi taxativo. Entón, a xente nova está indo a cursos a outros sitios. Agora temos a sorte de contar cunha gran marea de información para todo o mundo, que é Internet. O bo destas cousas é que moitas veces acaban cos gurús incompetentes.

¿Ten a zanfona un rexistro interpretativo moi determinado?
Non, porque o rexistro real dunha zanfona é de dúas oitavas, que non está nada mal. Ademais, con ela podes facer algo de harmonía e tamén de ritmo, co can. Ou sexa, que é un instrumento melódico, rítmico e harmónico a un tempo. A zanfona é perfecta para a música contemporánea polas súas sonoridades e timbres inigualables.

¿Qué opina das diferenzas entre a zanfona tradicional e a contemporánea de orixe francesa?
Contemporánea… case é máis contemporánea a galega. O can é unha peza que posiblemente apareceu no século XV e que se usou moito no XVIII, no Barroco. En consecuencia, é moi difícil dicir que en España non se tocaba co can, porque realmente se a zanfona se usaba como se usaba, para dar unha nota pedal… Ademais, moitas veces as zanfonas españolas non eran cromáticas, senón diatónicas. Se hoxe se fai unha zanfona cromática e se di que é galega, ¿por que non facela co can e que siga sendo galega?

A zanfona que hai en Galicia ten un son particular que podemos definir como o son de Santalices. Pero non deixa de ser gracioso que a zanfona deste home fose unha lyra organizatta, unha zanfona órgano, posiblemente de construción francesa e que arranxou un organeiro en Valladolid. Non podemos saber se tiña can ou non, pero tampouco é algo que me interese. Eu o que quero é un instrumento coas máximas capacidades posibles e tentar usalas todas.

¿Que proxección ten o instrumento?
A proxección agora está sendo impresionante. En Galicia hai xente que está tocando moi ben, pero eu creo que en breve se producirá unha evolución natural do plantexamento musical que se está facendo actualmente, dunha maneira bastante atrevida e máis interesante. En Galicia a zanfona ten máis importancia que no resto do Estado, porque había xa a tradición dunha zanfona que chamaban galega polo traballo de Santalices. E aquí concéntrase o maior número de artesáns de zanfona de todo o territorio español e de xente que a toca. O futuro augúrase moi bo en Galicia. Agora fixéronse moitos cursos de zanfona e a xente responde, hai interese. Mentres haxa unha persoa que teña interese en tocala e outra en escoitar, a zanfona seguirase mantendo.

Historia da zanfona en Galicia

O primeiro antecedente da zanfona data de finais do século X d.C. Chámase organistrum e está considerado polos musicólogos o primeiro instrumento realizado cun mecanismo complexo. O termoorganistrum deriva das verbas latinas organum -o tipo de canto que interpretaban os monxes nos oficios relixiosos- e instrumentum. Era máis grande que a zanfona, polo que tiña que ser tocada por dúas persoas: unha accionaba o manubrio e a outra tocaba. Era un instrumento eclesiástico que acompañaba os cantos nas igrexas. Estendeuse por toda a Europa católica. Atópanse representacións pétreas do organistrum en igrexas francesas, inglesas e españolas –Compostela e Navarra, por exemplo- de entre os séculos XI e XIII.

No século XIII outro invento marca o devir histórico do organistrum. Aparece o órgano, que o substitúe na interpretación da música sacra. O vello instrumento cae en desuso e pasa ás mans do pobo. Xograres e trobadores fan unha versión reducida, manexable por unha soa persoa, para poder acompañar os seus cantos. Nese momento nace a zanfona.

Segundo os expertos, a zanfona foi moi popular ata o século XV. Co remate da Idade Media, a sociedade cambia demasiado como para seguir considerando aceptable un símbolo tan representativo da antigüidade. Desaparecen os xograres e empezan a valorarse outros instrumentos, como o laúde. Foi unha dinámica xeral europea.

No XVIII, a zanfona rexorde. O Neoclasicismo ilustrado impón o gusto polos antigos costumes na arte e, polo tanto, tamén na música. É na corte francesa deLuís XV onde vive o seu maior esplendor. A zanfona interprétase para o gozo dos oídos cortesáns e para acompañar bailes e danzas. Ao ser Francia o foco cultural da época, a zanfona recupérase tamén, aínda que en menor medida, nos países do seu contorno.

Pero tras da Revolución Francesa todo cambia de novo. En Francia perde o beneplácito da alta sociedade, aínda que continúa mantendo a consideración popular e convértese nun instrumento para a composición de ritmos bailables no rural. En España, son os cegos ambulantes os que o conservan.

Durante o XIX e comezos do XX o instrumento sofre unha constante deturpación debido á falta de coidados por parte dos músicos. Isto provoca que se identifique nalgúns diccionarios e refráns como malsoante e vulgar. Na Península Ibérica, úsase fundamentalmente para acompañar sen demasiadas complicacións técnicas os cantos de cego.

A recuperación
A zanfona chegou ao século XX ferida de morte: mal considerada socialmente e coa tradición dos cantares de cego esmorecendo. En Galicia un dos maiores responsables da súa conservación foi Perfecto Feijoo (1858-1935). Este boticario de Pontevedra recolleu melodías tradicionais, tocou a gaita e tamén a zanfona. A Feijoo débese a primeira gravación de zanfona da historia de España, no disco deAires d’a terra, en 1904.

Pero o que está considerado como o investigador por excelencia da zanfona en España é Faustino Santalices (1877-1960). Santalices fíxose con zanfonas, buscou documentación histórica sobre o instrumento, mellorouno tecnicamente e logrou que volvese soar correctamente. Del son o primeiro libro monográfico sobre o instrumento en España (La zanfona, 1956) e o primeiro disco integramente dedicado á zanfona, gravado en Madrid no 1949.

Santalices tamén creou, co apoio da Deputación de Lugo, un Taller-Escola de Instrumentos Galegos, onde puido ensinar as técnicas de contrución da zanfona para que o instrumento non se perdese. Un dos seus aprendices, Antón Corral, continuou o seu labor na Universidade Popular de Vigo.

Preguntas básicas sobre a zanfona

¿Como funciona?
A zanfona é un instrumento cordófono, é dicir, o seu son nace do rozamento das súas cordas. A base da zanfona está nunha roda de madeira que xira polo movemento constante do manubrio, manexado coa man dereita. Con esa roda rozan varias cordas: en Galicia, tres cantantes ou melódicas e dúas estáticas ou bordóns.

Os bordóns son as cordas que hai nos dous lados da caixa harmónica e manteñen sempre o mesmo son. Normalmente estan afinadas en intervalos de quintas (se unha dá Sol a outra da Do).

A melodía márcana as cordas cantantes. Aí entra en xogo a man esquerda e a caixa do teclado. Cando se presiona unha tecla, o que pasa é que esa peza arrastra tres espadillas que rozan cadansúa corda cantante. Deste xeito, as espadillas cortan a lonxitude da corda e fan que, segundo a tecla presionada, se produza un son distinto.

Ao deixar de presionar, a tecla debe volver á súa posición orixinal. Por isto a zanfona se toca lixeiramente inclinada.

¿Cal é a afinación da zanfona?
En Galicia fabrícanse basicamente dous tipos: a de Do e a de Sol.

Na de Do, a máis estendida, as cordas cantantes ao aire, é dicir, sen presionar ningunha tecla, dan a nota Sol: as dúas primeiras cordas dan un Sol agudo e a terceira, un Sol unha oitava máis grave.

O bordón máis afastado do corpo, coñecido como bordoncillo, afina coa mesa nota que a terceira corda cantante, en Sol grave (pero hai que lembrar que este bordón sempre vai soar así, mentres que o outro irá cambiando ó presionar as teclas). O bordón máis achegado ao corpo dá unha quinta por debaixo do bordoncillo, neste caso, un Do grave.

En consecuencia, temos dúas notas que se van manter en todo momento (o Sol e o Do dos bordóns) e outras dúas (a mesma, en oitavas distintas) que irán construíndo a melodía.

O teclado é cromático (como o do piano, ten tons e semitóns) e acada un rexistro de dúas oitavas.

¿Cales son as madeiras máis usadas?
Depende do artesán. Só hai unha directriz: debe existir equilibrio. Igual que en tódolos instrumentos que teñen caixa harmónica (violíns, guitarras…), os laterais e o fondo compóñense de madeira dura (pau santo da India, nogueira…) e a tapa, de madeira branda (piñeiro abeto alemán, cedro…).

A diferenza entre madeiras duras e brandas está na maior ou menor densidade da madeira.

¿Canto custa unha zanfona?
Depende de moitos factores: o artesán, o tipo de afinación, a madeira, os ornamentos… De calquera xeito, os artesáns aseguran que non se está a cobrar ao prezo que realmente custa. Segundo eles, o prezo real dunha zanfona estaría entre os 3.000 euros e os 3.500. En cambio, están a cobrar arredor dos 2.500 euros por instrumento.

Nos últimos tempos, algúns artesáns empezaron a ofertar zanfonas de prácticas ou de estudo. Por menos de 1.000 euros, proporcionan instrumentos básicos, pero de calidade aceptable, para as persoas que queren aprender e non poden permitirse unha zanfona estándar ou profesional. Algúns mesmo ofrecen posibilidade de recompra e descontos á hora de pasar a unha zanfona estándar.

¿Cómo debe coidarse?
“Como se fose un bebé, pero sen medo”, nas verbas de Xaime Rivas. Os artesáns denuncian que existe certa mitificación sobre a delicadeza da zanfona. Hai parte de certo, pero defenden que non é máis delicada que un violín, por exemplo. A zanfona está feita totalmente de madeira, polo tanto é moi sensible á humidade e aos cambios de temperatura.

Dentro do posible, hai que procurar evitar os cambios bruscos na temperatura e na humidade. Pero, no fondo, o máis importante é coñecer ben o instrumento para saber afinalo en cada situación.

¿Cales son as diferenzas da zanfona francesa contemporánea respecto á tradicional galega?
Na zanfona francesa a terceira corda cantante, cando a hai, non está afinada unha oitava por debaixo das outras, senón ao unísono.

Pode ter máis de dous bordóns e poden afinarse en distintas notas.

Poden ter dentro da caixa harmónica cordas simpáticas. Son cordas que vibran por simpatía, é dicir, cando no teclado pulsamos unha nota concreta fan que a simpática reaccione á vibración provocada e, á súa vez, tamén vibren. Cando o tocador deixa de pulsar esa nota, a corda simpática segue vibrando un pouco tempo. Produce certa sensación de eco, de reverberación do son dentro da caixa.

O can -chien, en francés-. É unha peza que se coloca sobre un dos bordóns. É móbil. Para accionalo, o tocador ten que dar un golpe de pulso no manubrio, de xeito que o can roza o bordón e provoca unha sensación rítmica. O seu uso é bastante complexo pois esixe coordinación entre o golpe de pulso da man dereita e unha continuación ininterrompida da melodía coa man esquerda. En Francia naceu polo uso da zanfona en danzas e bailes tradicionais.

Share on FacebookTweet about this on TwitterPin on PinterestShare on Google+Share on LinkedIn