Grupos Retrouso

Share on FacebookTweet about this on TwitterPin on PinterestShare on Google+Share on LinkedIn

Espectáculos de baile, gaita ou canto e pandeireta con longa experiencia actuando en público en festivais locais e internacionais, festas e eventos privados.

Grupo folclórico de baile Retrouso

O grupo de baile folklórico Retrouso de Cela foi o o que deu xerme á propia asociación, no ano 1996 e desde aquela leva actuando ininterrompidamente en festas, festivais e eventos privados tanto a nivel provincial en Pontevedra, como a nivel galego, nacional (Aragón, Castela e León, Estremadura) e internacional (distintos puntos de Portugal). Traballa baixo a dirección artística do recoñecido bailador cangués Miguel Sotelo. A súa mocidade contrasta coa súa experiencia en moi diversos grupos relacionados coa danza tradicional galega (Lembranzas da Ría, O Fiadeiro, GS21, Projecto Trepia, Trébede…), tendo chegado a formar parte da Quique Peón Cía no seu premiado derradeiro espectáculo de danza.

Conta cun repertorio de bailes tradicionais soltos (muiñeira, carballesa, maneo…) e agarrados (valse, danza…), recollidos polo propio grupo directamente da tradición galega. A súa intención é amosar danzas tradicionais nun espectáculo sen que por iso perdan a súa esencia. O acompañamento musical para o espectáculo de baile tamén trata de ser fiel á proposta escénica que acompaña e ás raíces da propia música que interpretan. Para iso tentan recuperar formacións tradicionais coma o gaiteiro solista, respectando do mesmo xeito o estilo e a dixitación da respectiva zona.

Grupo folklórico de gaitas galegas Retrouso

Froito do traballo nas nosas Escolas, o Grupo de Gaitas galegas Retrouso leva en funcionamento dende o ano 2002. Levan máis de dez anos ofrecendo actuacións como conxunto instrumental en todo tipo de eventos, tanto no contorno do Morrazo coma fóra del. O seu repertorio fundaméntase na ricas raíces gaiteiras do Morrazo e amplíase a pezas de composición máis actuais, dende Roxelio de Leonardo Bouza a Carlos Justo pasando polo mestre Moxenas. Cristóbal Prieto, gaiteiro e artesán do Hío, é o responsable da formación dos gaiteiros e gaiteiras, mentres que a viguesa Julia Feijóo se encarga de formar os e as percusionistas.

Grupo de Pandeireteiras galegas O Bando Rabudo

Das diversas aulas de Canto Tradicional foron saíndo as integrantes do grupo oficial de Pandereteiras: O Bando Rabudo (tamén coñecidas entre as súas seguidoras como “As Rabudas”). Acompañándose de diversos instrumentos ademais da pandeireta, dende o latón de pemento ou os ferriños á gaita de fol, tentan recuperar un repertorio tirado directamente da tradición, aprendido da xente que aínda hoxe lembra os cantares e os tocares da súa mocidade. Tentando coñecer primeiro a realidade máis achegada xeograficamente a elas, interpretan as distintas pezas tradicionais coas súas variantes locais, sen esquecer ademais diversos cantares a capela (rondas, cantares da labrada…) e mesmo do ciclo do ano (Reis, Nadales…).

Contan para iso co mestre de Beluso Guillerme Ignacio, quen se preocupa por recoller todos eses cantares e xeitos de tocar para darlles nova vida na man das súas alumnas. Mestre diplomado en Educación Musical, ten unha ampla formación e experiencia no eido da música tradicional, salientando o seu traballo cos pandereteiros d’O Tear de Llerena, e do grupo folk Quempallou, do que foi membro fundador polo 1999 e actual vocalista e gaiteiro. Ademáis de acompañar o grupo de baile Retrouso, tamén realizan actuacións de xeito independente, contando cun amplo e bailable repertorio.

No ano 2014, Retrouso lanzou un traballo discográfico: Elelelos, músicas de tradición oral no Concello de Bueu, no que as pandeireteiras do Bando Rabudo teñen un peso específico.

Grupo de pandeireteiros Os Ferreñudos

O último dos grupos folclóricos galegos de Retrouso de Cela (Bueu-O Morrazo-Pontevedra-Galicia) é o grupo de pandereteiros Os Ferreñudos. Dirixido tamén por Guillerme Ignacio, reúne homes pandeireteiros de distintos puntos da comarca do Morrazo que se xuntan para darlle vía libre ao seu timbre natural de voz, sen ter que adaptarse ao das pandeireteiras. Teñen actuado, na súa corta vida, xa en actos públicos en Vigo, Marín, A Estrada, ou o bar Aturuxo de Bueu, ademais de ser habituais de foliadas da contorna. A súa experiencia previa lévaos a ser un grupo de garantías con forza e moita enerxía de cara ao público.

Share on FacebookTweet about this on TwitterPin on PinterestShare on Google+Share on LinkedIn

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Datos de contacto de Retrouso

Podes contactar á agrupación folclórica galega Retrouso a través do email info@retrouso.com ou no teléfono (+34) 647 607 467
Copyright © 2017 Retrouso de Cela