Outras actividades

Share on FacebookTweet about this on TwitterPin on PinterestShare on Google+Share on LinkedIn
Festival Retrouso, Festival das Escolas, Foliada da Chuva, Concerto de Panxoliñas, Bando das Navidades de Cela. Bota un ollo á axenda anual de Retrouso.

Cada ano, a Asociación Cultural Retrouso de Cela (Bueu-O Morrazo) fai unha planificación anual dos eventos culturais puntuais que organiza, ademais das actividades estruturais permanentes (as Escolas Tradicionais Retrouso e os seus grupos folclóricos galegos). Poden variar cada ano, apuntamos os máis estables.

Eventos culturais da Asociación Cultural Folclórica Retrouso de Cela

Festival das Escolas Retrouso

A agrupación folclórica Retrouso de Bueu leva a cabo todos os anos, entre os seus eventos culturais, un festival no que participan os diversos grupos de iniciación e perfeccionamento que compoñen Retrouso. Pretendemos que se amose o traballo feito nas distintas escolas tradicionais (acordeón, baile, pandeireta e canto, percusión e gaita) ao longo de todo o curso.
Adoita celebrarse en xuño, no Centro Social do Mar de Bueu. Nas últimas edicións, en lembranza da nosa primeira profesora de acordeón, adoitamos chamarlle o “Memorial Teresa Pedrouso“.

Festival Retrouso

É o festival de baile tradicional e música folk que centra os maiores esforzos de organización, respecto a outros eventos culturais. Rolda as quince edicións, no mes de xullo, no eirado de Cela. Ten pasado por distintas épocas, desde organizarse en Chans (Chanscontro), ser toda unha xornada de actividades… O máis frecuente é que comece con dous ou tres grupos de baile tradicional e despois ou haxa algún grupo folk convidado ou se abra o escenario á Foliada e que suba quen queira a tocar.

Polo Festival Retrouso pasaron grupos moi coñecidos do folc galego, como Os Carunchos (2002), Xochilmica (2005), Ardentía (2006) e outros proxectos máis puntuais e de tendencia, como O Tear de Llerena (2001), Sachadiço (2006), Saramaganta (2007), O tamboril furado (2008), Os Cochenos (2010), Abóbriga (2011), Os Carapaus (2012) ou Ludovaina (2013).

Foliada da Chuva

A Foliada da Chuva celebrouse por primeira vez, de forma improvisada, en xullo do 2011, cando debido ao mal tempo se tivo que cancelar o Festival Retrouso que habitualmente se celebra no verán. En vez de desconvocar, citouse á xente a ir ao local do Torrecino, resgardados da chuva, onde se fixo a festa de forma espontánea. Desde aquel ano déuselle seguimento xa en datas máis invernais, como forma de dinamizar as escolas tradicionais da comarca en datas con poucas oportunidades para tocar fóra das aulas.

Este evento cultural celébrase habitualmente no mes de novembro, na Escola vella do Torrecino (Cela-Bueu-O Morrazo-Pontevedra).

Bando das Navidades de Cela

Un dos eventos culturais dos que nos sentimos máis orgullosos é o tradicional Cantar das Navidades de Cela. Nel participan veciñas e veciños da parroquia xunto con membros do grupo. Ademais, tivemos a sorte de contar con diversas persoas que viviran en primeira persoa esta tradición tempo atrás, entre eles o propio gaiteiro José Entenza, que nos tocou ata este ano 2012. Actualmente o gaiteiro das navidades é Álvaro Estévez.
Adoitan empezar a ensaiar semanalmente a comezos de novembro para saír cantar polas casas e bares a tarde noite do 24 de decembro e a mañá do 25 de Nadal. Van pedindo licencia e aguinaldo e, co que xuntan, montan unha cea de confraternización polo mes de xaneiro.

Festival de Panxoliñas

Desde o 2012, froito do traballo de recuperación de cantares do ciclo de Nadal nas aulas de canto e pandeireta, vense organizando un Festival a finais de decembro no que as escolas de canto tradicional interpretan cantos de reis ou de Nadal ou de Aninovo aprendidos nas clases. Adoita celebrarse no Salón de actos do Centro sociocultural de Cela (Bueu).
Share on FacebookTweet about this on TwitterPin on PinterestShare on Google+Share on LinkedIn

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Datos de contacto de Retrouso

Podes contactar á agrupación folclórica galega Retrouso a través do email info@retrouso.com ou no teléfono (+34) 647 607 467
Copyright © 2017 Retrouso de Cela