Escolas Tradicionais

Share on FacebookTweet about this on TwitterPin on PinterestShare on Google+Share on LinkedIn

Profesorado de alto nivel e grupos reducidos para aulas de baile, canto e pandeireta, gaita, percusión e acordeón.

Escolas tradicionais Retrouso

A agrupación folclórica Retrouso naceu como un grupo de baile no 1996. Desde aí, no ano 2001 empeza a aula de canto e pandeireta. No 2002, a de gaita e percusión. No 2007 empezan as clases de acordeón.

Horarios das Escolas tradicionais Retrouso 2016/2017

[Actualizado a 7 de xaneiro de 2017]
Escola Profesor/a Horario
Baile iniciación infantil Débora Pena Luns, 18:00h
Baile iniciación adultos Débora Pena Luns, 21:00h
Baile perfeccionamento Miguel Sotelo Xoves, 16:30h
Gaita iniciación infantil Patri Comedeiro Xoves, 16:00h
Gaita adultos Pablo Fernández Sábado, 11:00h
Percusión infantil Julia Feijóo Martes, 17:00h
Percusión adultos Julia Feijóo Martes, 18:00h
Canto e pandeireta iniciación infantil 2 María Menduíña Luns, 17:00h
Canto e pandeireta iniciación infantil 1 María Menduíña Luns, 18:00h
Canto e pandeireta perfeccionamento infantil Tania G. Ruibal Luns, 17:30h
Canto e pandeireta iniciación adultas 1 Tania G. Ruibal Martes, 20:00h
Canto e pandeireta iniciación adultas 2 Tania G. Ruibal Martes, 21:15h
Canto e pandeireta perfeccionamento xuvenil Xela Conde Luns, 19:30h
Canto e pandeireta perfeccionamento adultas Xela Conde Luns, 20:30h
Acordeón Grupo 1 Álex Balbuena Martes, 17:00h
Acordeón Grupo 2 Álex Balbuena Martes, 18:00h

Profesorado das Escolas tradicionais Retrouso

Clases de Baile tradicional no Morrazo

A primeira profesora da agrupación folklórica Retrouso foi Leonor Rosales, moañesa con experiencia en grupos do nivel de Meiramar-Axóuxeres ou Danzadeira. Por unha enfermidade, houbo que cambiar de profesora no 2001. Tras un período de autoxestión dos bailadores, entra como mestra Margarita Pérez, viguesa con experiencia en proxectos como Andarela de Vigo.

No 2010 e ata a actualidade, na busca dun xiro máis ligado ao baile tradicional e non tan coreográfico, toma as rendas das aulas de perfeccionamento Miguel Sotelo, cangués con experiencia na dirección de varios grupos como Trébede ou a participación en proxectos como GS21 ou Quique Peón Cía. Na actualidade da clase en dous horarios: ao grupo, perfeccionamento, os xoves ás 16:30h y outra aula de perfeccionamento para adultos, pensada para “Baile para Foliadas” os luns ás 19:15h.

As aulas de iniciación dáas Débora Pena, profesora de iniciación de baile tradicional galego en Retrouso desde hai máis de 10 anos. As súas clases realízanse os luns a partir das 21:00h para adultos e os luns ás 18.00h para nenos.

Aulas de gaita galega no Morrazo

O primeiro mestre foi, no 2002, o gaiteiro de Chacarrandaina, Óscar Piñeiro. No seguinte curso, recolleu a testemuña o gaiteiro de Marín Cristian Vilas. Cando tivo que marchar por motivos laborais, tras un breve período no que se encargou o seu pai Vilas, empezou como mestre Cristóbal Prieto, artesán de gaitas e gaiteiro do Hío (Cangas do Morrazo), con longa experiencia en cuartetos da sona de Tebras do Hío. No 2016 sustitúeo nas súas funcións Pablo Fernández Rial, fundador e gaiteiro de Ludovaina. De Aldán, curtido nos Carnavais do Hío, é festeiro, próximo, ademais de ter unha técnica e un gusto musical fóra do común.

As clases de de gaita para adultos son os sábados desde as 11.00h ata as 13.00h, no salón de actos do Centro Sociocultural de Cela (Bueu).

No 2015/2016 únese ao corpo de profesores de musica tradicional de Retrouso Patri Comedeiro, gaiteira de Bueu, para dar as clases de iniciación de gaita para nenos, os xoves ás 16h.

Clases de percusión tradicional no Morrazo

No comezo, Cristian Vilas encargábase tanto da formación de gaiteiros como de tamboril e bombo. No 2007, nun intento por mellorar a formación, separáronse as aulas e encargouse das clases de percusión tradicional Alberto Costas, coñecido formador e tamborileiro de Vigo, en grupos como Os Carunchos. No 2014 tivo que deixar estas clases por motivos laborais. Desde este curso toma as rendas das clases de tamboril e bombo Julia Feijóo.

Julia Feijóo, titulada en Percusión, estudosa de Etnomusicoloxía, foi durante varios anos directora do corpo de percusión da Banda de Gaitas Xarabal de Vigo. Nestes momentos brilla nos concursos como tamborileira do laureado cuarteto de gaitas Virutas de Ébano e como percusionista da Orquestra Folk Sondeseu, ademais de estar na banda do arpista Rodrigo Romaní.

As clases de tamboril e bombo son os martes a partir das 17:00h en dous niveis de iniciación e perfeccionamento.

Aulas de canto tradicional e pandeireta no Morrazo

As Escolas tradicionais de canto e pandeireta foron a primeira escola en funcionamento na Asociación Cultural Folklórica Retrouso de Cela despois das de baile galego. Arrincaron no 2001, da man da pandeireteira marinense de Trompos Os Pés Begoña David. Dous anos máis tarde tivo que deixalo por cuestións laborais e recolleu a testemuña Rubén Bastón, profesor de pandeireta en grupos en Santiago de Compostela e nomeadamente A Quinta Ferreña de Beluso.

No 2007, co obxectivo de darlle un novo impulso de nivel ao grupo, recolle a formación de perfeccionamento de canto e pandeireta tradicional Guillerme Ignacio, profesor de música titulado, recolledor, cantador e gaiteiro do grupo folk Quempallou. Baixo a súa produción musical, no 2014 Retrouso editou o traballo discográfico Elelelos: Músicas de tradición oral no Concello de Bueu.

No 2009, por cuestións laborais de Rubén Bastón, pasa a encargarse das clases de iniciación de pandeireta e canto Tania García Ruibal, profesora titulada de Infantil e cunha longa experiencia como pandeireteira en grupos como Antoxo de Bueu, O Tear de Llerena, Lembranzas da Ría e o propio Retrouso de Cela.

No 2015, ante a constante demanda de novo alumnado de iniciación de canto tradicional e pandeireta e a nosa aposta por grupos de máximo 10 alumnas e alumnos, únese ao plantel de profesores Retrouso María Menduíña, cantareira con longa experiencia en Retrouso e outros grupos da comarca como Lembranzas da Ría.

No 2016 pasou a responsabilizarse da área de perfeccionamento a viguesa Xela Condeunha das mestras máis recoñecidas do país que pasou por grupos históricos como Avalon e, na actualidade, outros prestixiosos como Sondeseu ou Pink Roe. Foi directora das escolas do Fiadeiro de Vigo, ademais de acumular anos de docencia en escolas folk referentes como a Tradescola de Lugo ou a eTrad de Vigo.

Na actualidade, Retrouso conta con dúas aulas de perfeccionamento de canto tradicional e pandeireta. Os luns, ás 19:30h, perfeccionamento xuvenil; e ás 20:30h o ensaio oficial do grupo de pandeireteiras Retrouso.

De iniciación hai catro grupos. María Menduíña leva os dous grupos máis recentes, os luns en horario de 17.00h e 18.00h. Tania G. Ruibal ensaia cun terceiro grupo infantil ás 17.30h e ademais conduce un grupo de iniciación de adultas os martes a partir das 21.15h.

Aprender a tocar o acordeón no Morrazo

A Asociación Cultural Folklórica Retrouso de Cela leva dando clases de acordeón dentro das súas Escolas tradicionais en Bueu (na parroquia de Cela) desde o 2007, impulsadas por Teresa Pedrouso. Dous anos máis tarde sufrimos a súa tráxica perda. Tras un necesario parón, recolleu a testemuña o experimentado profesor Manuel Olegario e, desde 2010 ata 2016, a responsable desta área foi Andrea Gómez Navarrete, afincada en Vigo, con experiencia en terapia musical e dando clases de acordeón en grupos como O Fiadeiro de Vigo. No 2016 tomou a súa testemuña Álex Balbuena, vigués, con ampla experiencia como formador, autor de dous libro-CDs sobre método para acordeón tradicional e folk galego, tanto cromático como diatónico.

As súas aulas son os martes, en reducidos grupos e  nos horarios de 16h e 17h, no Complexo sociocultural de Cela.

Preguntas máis frecuentes

Qué prezo teñen as clases?

Salvo excepcións puntuais, as clases de canto e pandeireta, baile, gaita e percusión valen 12€/mes para os nenos e 15€/mes para os adultos. No caso de acordeón, o prezo das escolas tradicionais é de 30€/mes.

Despois, a Asociación Cultural Retrouso aplica algúns descontos e vantaxes por número de actividades: págase o 50% a partir da terceira actividade; e por familia: págase o 50% a partir da cuarta actividade dentro do mesmo núcleo familiar.

A partir de qué idade poden asistir os nenos?

As actividades ideais para a introdución musical dos nenos son o baile e canto e pandeireta. En calquera das dúas, pódese asistir desde os 3 anos (4º curso de Educación Infantil). Para algúns nenos iso pode resultar algo cedo e pode ser recomendable agardar un aniño máis, pero pódese probar unhas clases para ver cómo reacciona.

No caso de percusión e gaita, a idade mínima ideal para comezar son os 7 anos (2º curso de Educación Primaria). Antes, non teñen nin “o tamaño” nin coordinación suficiente para afrontar a aprendizaxe do instrumento, por iso en nenos máis interesados en tocar o tamboril ou a gaita, o ideal é que antes se metan en baile ou canto e pandeireta, de xeito que vaian adquirindo nocións de coordinación e ritmo. E o mesmo, pode haber nenos de 7 anos aos que lles resulte demasiado cedo e o mellor sexa que agarden aos 8 anos; pero para iso recomendamos que proben uns ensaios e o profesor xa comentará se o ve preparado ou non para continuar.

En caso de ter nenos menores de 3 anos, pero ter ganas de que se introduzan no ámbito da música tradicional, a nosa recomendación é que sexan os pais (nai, pai ou ambos) quen se metan nalgunha actividade, de xeito que o neno o viva na casa e vaia trasteando e escoitando cancións e ritmos a través dos pais.

Share on FacebookTweet about this on TwitterPin on PinterestShare on Google+Share on LinkedIn

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Datos de contacto de Retrouso

Podes contactar á agrupación folclórica galega Retrouso a través do email info@retrouso.com ou no teléfono (+34) 647 607 467
Copyright © 2017 Retrouso de Cela