Quen somos

Share on FacebookTweet about this on TwitterPin on PinterestShare on Google+Share on LinkedIn

Asociación cultural de referencia no Morrazo, activa desde o 1996, orientada ás escolas tradicionais de calidade e a grupos con espectáculos fieis á tradición.

O xerme da Asociación Cultural de Bueu Retrouso de Cela nace no ano 1996 como un bando de mozos e mozas interesados na música e danza tradicionais, que se xuntan coa intención de dinamizar a súa parroquia dentro do ámbito da música e baile tradicionais. Comezan tan só con grupo de bailadores/as, para ir medrando ata converterse nunha agrupación de referencia en todo o Morrazo, tanto polo currículo do propio grupo como pola capacidade dinamizadora da asociación cultural de Bueu en xeral.

Na actualidade contan con mestres/as altamente cualificados que levan adiante escolas permanentes, con distintos niveis. Destas escolas saen os compoñentes dos distintos grupos “oficiais”: grupo de baile Retrouso; grupo de gaitas Retrouso,  grupo de pandereteiras O Bando Rabudo e o grupo de pandeireteiros Os Ferreñudos.

Son moitas as iniciativas que se teñen posto en marcha dende a Asociación Cultural Retrouso ao longo dos anos, entre as cales fóronse consolidando: Festival Retrouso; Memorial Teresa Pedrouso (Festival das Escolas Retrouso); Foliada no Torresino; Concerto de Nadal; Bando das Navidades de Cela. Ademais, téñense levado a cabo múltiples Concertos Didácticos polos Colexios da contorna, así coma actividades paralelas co propio alumnado da Asociación: participación en seráns e foliadas, recollas de campo, obradoiros, saídas de lecer en grupo…

Cronoloxía da asociación cultural de Bueu Retrouso

Leonor Rosales, primeira profesora de baile de Retrouso

Leonor Rosales, primeira profesora de baile de Retrouso

1996

Xurde en novembro o grupo de baile, como actividade extra-escolar en Cela, tendo como mestra á moañesa Leonor Rosales, antiga profesora tamén de grupos como Danzadeira (Cela) ou Meiramar (Moaña).

1997

Primeiras actuacións no Torrón e San Lourenzo (Cela).

1998

Aínda como “Grupo de baile do Colexio Público Torre-Cela”, actúa en Cangas e en Coímbra, xunto co grupo Raíces da nosa terra, de Meira.
Selo de Retrouso de Cela, creado por Irene Estévez

Selo de Retrouso de Cela, creado por Irene Estévez

1999

Constitúese oficialmente en Bueu a Asociación Cultural Retrouso de Cela. Actuouse en Cela, Beluso, Bueu, Cangas, Moaña, Moreira de Cônegos (Guimarães) e Cedeira (Lugo).
Primeira foto de grupo de Retrouso de Cela

Primeira foto de grupo de Retrouso de Cela

2000

Celébrase o I Festival de Pascua e o I Festival Retrouso, cos grupos Breogán de Moaña, Rancho de Moreira de Cônegos e o grupo folk Servando e Contradança. O grupo de baile Retrouso de Cela actúa acompañado polo cuarteto Tebras do Hío. Quince compoñentes asisten ao XVIII Curso de Cultura Tradicional de Lugo.

2001

Unha enfermidade obriga a cambiar de mestra de baile: Leonor Rosales pola viguesa Margarita Pérez, fundadora do grupo Andarela de Vigo. O grupo de baile actúa coa música de Chacarrandaina, de Cangas do Morrazo. Vólvese facer o mini festival de Pascua e, no II Festival Retrouso, dedicado a Leonor, actúan antigos alumnos de Retrouso e Danzadeira, ademais do grupo de pandeireteiras O Tear de Llerena. Arrincan as Escolas Retrouso: nace a Escola de Canto Tradicional, levada por Begoña David, de Trompos Os Pés de Marín.
Vilas, profesor das Navidades, e José Entenza, ghaiteiro das Navidades de Cela

Vilas, profesor das Navidades, e José Entenza, ghaiteiro das Navidades de Cela

2002

En xaneiro a asociación cultural de Bueu Retrouso lanza a súa escola de gaita, con Óscar Piñeiro, gaiteiro de Chacarrandaina, como profesor. Neste ano actuouse acompañado dun cuarteto de Trompos Os Pés de Marín. No III Festival Retrouso actuaron Froles Mareliñas de Redondela, Trompos Os Pés e Os Carunchos. Organizamos, en colaboración co Concello, un Festival Seiteiro, no centro de Bueu. Por motivos laborais de Begoña, no cambio de curso, Rubén Bastón recolle como docente as clases de canto e pandeireta. Tras doce anos sen organizarse e máis de medio século sen continuidade, recupéranse de novo as Navidades de Cela, tradición moi arraigada que se perde na memoria dos nosos maiores. Fíxose co gaiteiro José Entenza e co profesor Gumersindo Cabodevila “Vilas”.

Primeiro fin de curso das Escolas Retrouso

Primeiro fin de curso das Escolas Retrouso

2003

Cristian Vilas, gaiteiro de Trompos Os Pés, convértese no profesor de gaita e percusión. Primeira actuación das escolas “infantís”, na escola de Cela. Por primeira vez, os gaiteiros son da propia Asociación. Organizamos excursión á Coruña e ao Aquapark de Cerceda. Celebramos concertos didácticos en Cela. En setembro créase o Coro de Cela, orientado inicialmente a xente maior, dirixido por Carme Pereira, fundadora do Coro Quodlibet de Bueu. Repítese o Cantar das Navidades de Cela. En maio, inaugurase a primeira versión da súa web, en retrouso.es.mn, como Caderno Cultural do Morrazo.

Guillerme Ignacio dando un concerto didáctico en Cela

Guillerme Ignacio dando un concerto didáctico en Cela

2004

Recupérase o Cantar dos Reis de Cela, esquecido durante cincuenta anos. Creación da comparsa de Entroido “Os da Cangalla”. Adaptámonos á Lei de Asociacións de 2002. A web pasa a retrouso.com. Polo Día das Letras Galegas, organizamos o Certame literario Danzadeira. Concerto Didáctico levado a cabo por Guillerme Ignacio, membro de Quempallou. Fáiselle unha homenaxe conxunta con Manxadoira ao Ghaiteiro de Cela, José Entenza, en Bueu. Nova excursión a Cerceda. Repítese o Cantar das Navidades.

O grupo de gaitas de Galicia Retrouso tocando en Santiago de Compostela

O grupo de gaitas Retrouso tocando en Santiago de Compostela

2005

Actuación en Amio (Compostela) diante de Rodríguez Zapatero, na altura Presidente do Goberno, ademais de distintos puntos do Morrazo e en Pontevedra e Vigo. Vólvese celebrar o IV Festival Retrouso, con Solaina, Airiños da Lagoa e os grupos folk A Jarla da Xingra e Xochilmica. Reedítase a excursión ao Aquapark. Organizamos concertos didácticos nas escolas de Cela (con Carlos do Viso), Ardán e Beluso. I Concerto de Nadal (festival de corais) na igrexa de Cela. Mantense o Cantar das Navidades.

Chanscontro, Festival Retrouso organizado en Chans

Chanscontro, Festival Retrouso organizado en Chans

2006

O V Festival Retrouso lévase á área recreativa de Chans, transformándose nunha completa xornada de convivencia, e denominándose I Chanscontro. No apartado musical, actuaron Sachadiço e Ardentía.  A excursión fíxose a Allariz. II Concerto de Nadal. Cantar das Navidades.

2007

II Chanscontro, dentro do cal se celebrou o VI Festival Retrouso, coa actuación do grupo folk Saramaganta. Excursión á zona de Silleda. Co comezo do novo curso preséntase un novo plantel de mestres nos distintos instrumentos: Guillerme Ignacio no canto tradicional e pandeireta (substituíndo a Rubén Bastón), Cristóbal Prieto en gaita  e Alberto Costas na percusión tradicional (substituíndo en ambas facetas a Cristian Vilas, que tivo que emigrar por motivos laborais). Ademais, créase a aula de acordeón da man de Teresa Pedrouso, que completará a formación dos músicos con aulas de solfexo. En decembro deste mesmo ano, celebrouse un curso de construción de palletas. III Concerto de Nadal. Cantar das Navidades.

Gañadores do Concurso de Tortillas, no VII Festival Retrouso

Gañadores do Concurso de Tortillas, no VII Festival Retrouso

2008

O VII Festival Retrouso retorna ás súas orixes e volve celebrarse no Eirado de Cela, con actividades todo o día, como obradoiro de instrumentos de cana e concurso de cartas e tortillas; e conta coa actuación musical do grupo folk O Tamboril Furado de Soutomaior. IV Concerto de Nadal. Cantar das Navidades.

Teresa Pedrouso, profesora de acordeón, sempre na nosa memoria

Teresa Pedrouso, profesora de acordeón, sempre na nosa memoria

2009

Faise roupa de época (1º terzo do século XX) para os pequenos. Actuacións en San Vicente de Esplús (Huesca), Vila Praia de Âncora e Oliveira de Azeméis (Portugal). I Festival de Acordeón de Bueu. VIII Festival Retrouso, con grupos de baile de Portugal, Huesca e Segovia. Organizamos o I Festival no Eirado, en agosto, como festival de escolas. Excursión ao Aquapark de Cerceda. Concertos didácticos. Tania García Ruibal pasará a levar as aulas de iniciación ao canto tradicional e pandeireta, substituíndo a Rubén Bastón. Coincidindo con San Martiño, organizamos a I Foliada dos Cativos, en Bueu. A finais deste ano o grupo sofre a tráxica perda da súa mestra de acordeón e solfexo, Teresa Pedrouso. A aula de acordeón do grupo segue a funcionar, pasando a denominarse Aula Teresa Pedrouso, baixo a batuta de Manuel Olegario. V Concerto de Nadal. Cantar das Navidades.

O grupo folklórico Retrouso na súa viaxe a Estremadura

O grupo folklórico Retrouso na súa viaxe a Estremadura

2010

II Festival de Acordeón. IX Festival Retrouso, amenizado musicalmente polo cuarteto Os Cochenos e polo dúo folk Pumar e Prieto. Actuación na 29º edición do Festival de la Sierra de Badajoz e en Oporto. Excursión ao Ecoparque de Marín. Pasa a responsabilizarse da aula de baile o cangués Miguel Sotelo. Andrea Navarrete arranca como mestra de acordeón. VI Concerto de Nadal. Cantar das Navidades.

A Asociación cultural de Bueu Retrouso na Aña Urbana de Pontevedra

A Asociación cultural de Bueu Retrouso na Aña Urbana de Pontevedra

2011

Celebramos concertos didácticos. Participamos na primeira aña urbana de Pontevedra. III Festival de Acordeón, en xuño. X Festival Retrouso, coa actuación de Trébede, As Tarambainas e a charanga Abóbriga. Actuación na XVIII Muestra Folclórica “Andrés Laguna” de Segovia. No outono organízase unha Foliada no Torresino (antiga escola unitaria de Cela) co gallo do XV Aniversario do grupo. VII Concerto de Nadal. Cantar das Navidades.

2012

Organizamos dúas Foliadas Retrouso, en primavera e en outono. Festival das Escolas, Memorial Teresa Pedrouso. XI Festival Retrouso, co grupo asturiano Xeitu, as pandeireteiras Maianas e o grupo folk Carapaus. Montamos unha excursión á Illa de Ons (Bueu). Actuamos, entre outros, en Sanamedio (Beluso) polas Letras Galegas, na Festa do Polbo de Bueu, en Vigo e en Valadares (tamén Vigo). Cantar das Navidades de Cela. Festival de Panxoliñas en Cela.

2013

Este foi o ano da gravación do proxecto discográfico Elelelos: Músicas de tradición oral no Concello de Bueu, e a campaña de crowdfunding para lograr o financiamento necesario, para o cal, entre outras actividades, se saíu en diversos medios de comunicación, organizamos unha Foliada no Aturuxo de Bueu, creamos unha boneca Elelela que viaxou ata Asturies… Ademais, tivemos dúas actuacións no Luar, da TVG. Os pandeireteiros Ferreñudos actuaron na Aña Urbana de Pontevedra. Actuacións no muíño do Fausto en Moaña, en Meira, en Portugal, na Foliada de Donón… Organizamos foliada de primavera e de outono en Cela; Festival das Escolas, XII Festival Retrouso, coa actuación do Rancho de Catel-Cunha (Portugal) e Ludovaina. Cantar das Navidades de Cela e Festival de Panxoliñas en Cela.

2014

No 2014 a Asociación Cultural de Bueu (O Morrazo-Pontevedra) Retrouso lanzou o dobre disco Elelelos. Ademais, actuou no Auditorio de Cangas do Morrazo, no instituto de Bueu, en Ermelo, Pontevedra, Moaña, no teatro Jofre de Ferrol, en Sanamedio, en Ribeira… Festival das Escolas Retrouso, XIII Festival Retrouso, cun formato de retro-foliada na que viñeron, entre outros, grupos como Xacarandaina, Vai de Roda, Traspés, Trébede, Cantigas e Agarimos ou Bouba. Foliada da Chuva. Cantar das Navidades de Cela. Festival de Panxoliñas. Concertos didácticos en Cela, Ardán e Bueu. O profesor de percusión Alberto Costas tivo que deixar as clases por motivos profesionais; empeza como mestra de percusión a viguesa Julia Feijóo.
Share on FacebookTweet about this on TwitterPin on PinterestShare on Google+Share on LinkedIn

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Datos de contacto de Retrouso

Podes contactar á agrupación folclórica galega Retrouso a través do email info@retrouso.com ou no teléfono (+34) 647 607 467
Copyright © 2017 Retrouso de Cela